Friday 03 de May de 2024

O Pleno de Lousame aproba por unanimidade dúas mocións contra a violencia de xénero


Teresa Villaverde convidou a toda a cidadanía a participar nas Andaina contra a Violencia de Xénero do 25-N xa que “non é só un tema de mulleres, é de toda a sociedade”

O Pleno Municipal de Lousame aprobou por unanimidade dúas mocións contra a violencia de xénero, unha presentada polo BNG e transaccionada polo PP e unha segunda do Grupo de Goberno. Dúas mocións coas que “o Concello de Lousame se reafirma no seu compromiso de loitar contra a violencia de xénero e a continuar realizando actividades de prevención e sensibilización a prol da igualdade entre homes e mulleres”, resumiu a alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde.

A primeira moción aprobada foi presentada polo grupo municipal do BNG xa que “queda moito por facer e a loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade para as administracións”, explicou o voceiro nacionalista, Amador Turnes. Así, o Concello de Lousame instará á Xunta de Galicia a mellorar os servizos de atención á muller e a que se dote dos medios precisos ao 016 para que estea realmente operativo as 24 horas, os 365 días do ano.

Emendas á moción

Inicialmente, a proposta do BNG instaba á Xunta de Galicia “a rescindir os contratos con aquelas empresas que non cumpriran co principio de igualdade salarial” e a cambiar a Lei de Protección Integral da Violencia de Xénero para incluír o termo “feminicidio”, así como redactar un Estatuto de Protección das Vítimas do Feminicidio. Teresa Villaverde explicou que a petición de rescisión deses contratos “esixe a modificación de leis que exceden o ámbito autonómico”, polo que presentou un texto alternativo polo cal o Concello de Lousame instará á Xunta de Galicia a promover medidas para que non exista discriminación salarial entre homes e mulleres.

Así mesmo, o pleno acordou instar á creación no Parlamento de Galicia dunha Comisión de Estudo para a Igualdade e os Dereitos da Muller, onde se reuniría a un grupo de expertos xuristas para a inclusión do termo “feminicidio” na lexislación galega.

O voceiro do PSdeG, Julio Paradela, apoiou a moción final pedido “máis actuacións reais e menos papeis”, solicitando das Administracións autonómica e estatal que “hai que poñer más medios porque se reduciron nun 27% as asignacións á violencia de xénero”. O Partido da Terra non se pronunciou sobre a cuestión xa que o seu concelleiro se atopaba entre o público e non se incorporou á sesión ata a quenda de preguntas.

Actividades do 25-N

A concelleira de Servizos Sociais, Silvia Agrafojo, foi a encargada de presentar a moción do Grupo de Goberno, na que expresou a aposta do Concello de Lousame por loitar contra a violencia de xénero a través da educación e cun público obxectivo principal: a mocidade. “Os nosos mozos e mozas deben comprender e recoñecer condutas nocivas e mesmo violentas”, apuntou Silvia Agrafojo, quen se amosou convencida de que “a solución pasa pola educación no respecto e na igualdade entre homes e mulleres”.

Neste sentido, explicou que o Concello de Lousame vai poñer en marcha unha exposición, denominada “Cartas de Amor”, que poderá visitarse do 29 de novembro ao 15 de decembro no CPI Cernadas de Castro. Así mesmo, anunciou que o próximo venres 25 de novembro terá lugar a segunda edición da “Andaina contra a violencia de xénero”, na que tomarán parte máis de 100 alumnos do CPI Cernadas de Castro.

Esta Andaina sairá da Praza do Concello ás 12:00 horas, despois da lectura dun manifesto institucional contra a violencia de xénero, de gardar un minuto de silencio na memoria das vítimas e da lectura dos traballos realizados polo alumnado do CPI Cernadas de Castro. A andaina cubrirá unha distancia de 2,1 quilómetros, os que separan a Casa do Concello do colexio, a través da estrada Portobravo-Confurco. No caso de choiva, os actos trasladaríanse ao polideportivo municipal Pilar Barreiro. A iniciativa está aberta a toda a veciñanza e non é preciso inscrición. Ademais, o Concello porá un autobús de volta á praza do Concello dende o colexio para todos os que participen.

A alcaldesa de Lousame fixo un chamamento á participación da veciñanza xa que “para acabar coa violencia de xénero é fundamental seguir traballando dende a educación e estendelo tamén ás familias, porque aparecen vítimas todos os días. Temos que entender que non é un tema de mulleres, é de toda a sociedade”.

Finalmente, Silvia Agrafojo indicou que o Concello traballa na constitución da Mesa Local contra a Violencia de Xénero e que xa levou a cabo iniciativas nesta área como a actuación “Títeres en igualdade”, o Programa de Fomento do Emprego entre as Mulleres ou o Lousame Concilia, que o Concello vai ampliar tamén por primeira vez ás vacacións escolares de Nadal e de Semana Santa.

Resto da orde do día

No que atinxe ao resto da orde do día, o pleno acordou unha modificación de crédito e o nomeamento de Silvia Agrafojo como representante municipal no Consello Escolar do CPI Cernadas de Castro. Ambas propostas foron aprobadas cos votos a favor do Grupo de Goberno (6) e as abstencións de PSOE e BNG (4).

A anécdota da sesión tivo lugar durante o último punto da orde do día: rogos e preguntas. Xusto despois de que o voceiro municipal do PSOE rematara co seu turno de preguntas, os voceiros do Partido da Terra e do BNG quixeron presentar mocións por carácter de urxencia. Porén, a secretaria municipal informoulles de que estas propostas tiñan que ser tratadas no punto anterior, “Mocións de urxencia”, e informoulles da imposibilidade de facelo durante a quenda de rogos e preguntas. Isto motivou as protestas de ambos voceiros, que se queixaron de que non se anunciara o punto de Mocións de Urxencia. Un extremo que foi negado polo resto de concelleiros, que confirmaron que o punto se abrira media hora antes sen que ninguén presentara proposta algunha. Finalmente, as mocións quedaron para a sesión plenaria de decembro.